Tuesday 16 de April de 2024

Demandan unha actuación urxente na antiga casa consistorial do Pino


O PSdeG do Pino consideran que esta edificación de titularidade municipal, situada diante do Albergue de Peregrinos de Arca, ofrece unha imaxe lamentable

Critican o “cinismo e postureo” do Alcalde, “ao que se sumou tamén un alto cargo da Xunta de Galicia”, afirman desde o PSdeG local

En O Pino, a 27 de marzo 2022. A antiga casa consistorial do Pino, na actualidade utilizada como oficina de Correos de Arca, e, oficina de información turística e de atención ao peregrino no verán, ofrece un estado de conservación “lamentable”, segundo denuncia o grupo municipal Socialista do Pino.

O PSdeG local critica as recentes declaracións do Alcalde a as do director do Instituto de Estudos do Territorio da Xunta de Galicia, Enrique de Salvador. Onde ambos se felicitaban pola aposta que está a facer o Concello do Pino á hora de combater o feísmo, “ningún dos dous se ruborizou á hora de manifestar que o Concello do Pino apostaba por implantar a cultura do fermosismo, cando a poucos metros e a pé de rúa, diante do albergue de peregrinos de Arca, temos a antiga casa consistorial que dá unha imaxe lamentable, tanto para os peregrinos como para todos os veciños/as”, afirman. “Xa todos e todas coñecemos o cinismo e postureo que práctica o Alcalde, o que nos sorprende e que a este exercicio se sume tamén un alto cargo da Xunta”, critica Óscar Vilar, voceiro do PSOE local.

O PSdeG do Pino solicitará no próximo Pleno unha actuación urxente para esta edificación. Informan que está a punto de rematar a reforma no albergue, con melloras importantes que apostan polo adecentamento e accesibilidade, “adecentamento que o visitante e peregrino non valorará senón se corrixe o impacto paisaxístico que ofrece a edificación lindeira de titularidade municipal”, afirman.